Contexto. Tema 1 - Sesión 1 de 4: Yolanda (11/11/24)
A primeira sesión da materia serviu para analizar os nosos coñecementos e crenzas previas sobre o ensino de linguas estranxeiras, principalmente no contexto español e, brevemente, no contexto internacional para posteriormente contrastalos con datos reais. Ao final da clase, contabamos cun resumo do marco histórico-lexislativo do ensino de linguas estranxeiras en España baseado en fontes fiables, o cal me parece fundamental coñecer, tanto desde unha perspectiva profesional como para ampliar a nosa cultura xeral.
Comparar uns sistemas educativos
con outros é algo que adoita espertar a curiosidade da cidadanía,
independentemente de que se dedique ou non ao ensino, e nesta primeira entrada centrareime
nunha das ferramentas para facelo: o informe PISA.
O informe PISA é o programa de
avaliación internacional do estudantado de 15 anos que se leva a cabo pola
OCDE, no que España participa desde a súa primeira edición, no ano 2000. Tal e
como se menciona no artigo «El impacto del Informe PISA en la sociedad
española: el caso de la prensa escrita» opino que resulta moi interesante
coñecer a finalidade do informe para valorar a súa relevancia, así como
entender como trata o tema a prensa. Segundo o artigo, a maioría das noticias analizadas
do xornal «El País» desde 2001 a 2014 describen o resultado da propia avaliación
e só un terzo delas son de opinión. Ademais, adoitan presentarse os artigos de
forma descontextualizada, sen fundamentar as opinións en datos empíricos e
concretos. Por outra parte, o ano cos peores resultados en comprensión lectora
(2006) xerouse un amplo debate social, que derivou en presión á administración
educativa para tomar medidas ao respecto. Porén, o artigo sinala que posteriormente
se demostrou que os propios datos non respondían ao nivel real e fai fincapé
na necesidade de empregar distintas formas de información para a análise e toma
de decisión e medidas correctoras en ámbitos tan complexos como o educativo.
Durante a clase invitóusenos a
investigar máis sobre o tema e adiantóusenos que actualmente, segundo este
informe, xa non se considera que o sistema educativo finés sexa o que está á
cabeza e destacáronse os resultados obtidos por Estonia.
Para poñernos en contexto, Estonia é un país que non chega ao millón e medio de habitantes e cuxa cidade máis grande é Tallin (444 000 habitantes aproximadamente), seguida por Tartu, con 95 000, pouco máis que Santiago de Compostela. Segundo The Association of Estonian Islands (2024), o país conta con máis de 1500 illas, maioritariamente de pequeno tamaño, das que só arredor de 20 están habitadas.
En relación co ámbito educativo do país, a continuación comentarei «Estonia: ¿el mejor sistema educativo de Europa?», un dos vídeos recomendados durante a sesión, creado pola canle de YouTube VisualPolitik (2020). Trátase dun vídeo explicativo sobre as principais características do sistema educativo do país do leste de Europa. Paréceme moi interesante que se nos achegue contexto sobre o país ao comezo do vídeo: a súa prosperidade económica en comparación con outros países que tamén viviron a desaparición da URSS, a súa calidade de vida, potencial, PIB, parámetros macroeconómicos (saneamento das súas contas, taxa de emprendemento, creación de empresas por cada 1000 habitantes). No vídeo, expóñense como factores cruciais para o desenvolvemento do país a súa política fiscal, a aposta pola tecnoloxía e calidade do sistema educativo. En canto a este último, considero que sería necesario afondar sobre en que medida estes aspectos poden ou non ser consecuencia del. Estas son as características destacadas no vídeo:
- Non é un dos países que máis inviste en educación (inviste menos que España e moito menos ca Islandia, por exemplo).
- O seu sistema non está subordinado a «intereses políticos», senón ás necesidades de capital humano, incluíndo o mundo da empresa e do emprendemento.
- O programa académico oriéntase á empresa e á inserción no mundo laboral. No seu deseño participan representantes da sociedade civil e do mundo corporativo.
- Ofrécense amplos programas de prácticas laborais na educación profesional e mestrados.
- Independencia de escolas e profesores (programa de contidos mínimos fixados polo goberno).
- Independencia do centro (dirección) en canto a repartir os fondos que recibe (incluído o salario do profesorado).
- Intensa formación continua do profesorado e maior liberdade de toma de decisión por parte del.
- Ensino maioritariamente público. Faise fincapé na importancia da igualdade de oportunidades na etapa educativa (cobertura sanitaria, dentista, comedor, escola e universidade gratuítos…).
- Os centros obteñen máis financiación en función da cantidade de alumnado que logren captar.
Se ben o vídeo nos achega ideas
dun xeito ameno e sinxelo, non menciona en ningún momento as súas fontes e
paréceme que a visión que ofrece, que pode parecer «neutral», está fortemente
nesgada. Presenta continuamente estruturas de causa consecuencia sen demostrar
que sexa así. Por exemplo, relaciona o feito de que os centros consigan
financiación en función da cantidade de alumnado que logren captar con que a
educación sexa de boa calidade, debido ao fomento da competitividade entre centros.
Tamén resulta interesante investigar
máis sobre algunhas das cuestións expostas: Estonia inviste menos… pero en que
inviste? Neste artigo de Ripley (2016) sobre o éxito de Estonia en PISA podemos
ler sobre un dos aspectos que máis me chamou a atención do vídeo: este país
conta coa maior porcentaxe do mundo de estudantado con alto rendemento académico
que provén de familias pobres e coa a menor diferencia de resultados o rural e
as cidades. Porén, destaca tamén a baixa retribución ao corpo docente: «Yet it
can be hard to get teachers to give up on the traditional ways, let alone
attract good recruits for the teaching profession when pay is still among the
lowest in Europe».
Que é o que opinades vós? Que é o que máis vos chama a atención sobre o sistema educativo de Estonia e que vos pon a mosca detrás da orella? Léovos!
Referencias bibliográficas:
Mayorga, H. G., Vidal, J., & Vieira, M. (2017). El
impacto del Informe PISA en la sociedad española: el caso de la prensa
escrita. RELIEVE - Revista Electrónica de Investigación y Evaluación
Educativa, 23 (1). https://doi.org/10.7203/relieve.23.1.9015
Ripley, A. (2016). Is Estonia the new
Finland? The Atlantic. Recuperado o 14 de novembro de 2024, de https://www.theatlantic.com/education/archive/2016/06/is-estonia-the-new-finland/488351/
The Association of Estonian Islands. Estonian
islands. Recuperado o 16 de novembro de 2024, de https://www.saared.ee/the-association-of-estonian-islands/estonian-islands/
VisualPolitik. (2020). ¿Por qué Estonia tiene el mejor sistema educativo de Europa? [Vídeo]. YouTube. Recuperado o 14 de decembro de 2024, de https://www.youtube.com/watch?v=jjHOS3PNEoU
ResponderEliminarQue reflexión tan interesante sobre o sistema educativo de Estonia! Chámame moito a atención a maneira na que presentas tanto as fortalezas como os puntos que poderían xerar dúbidas sobre a súa efectividade a longo prazo. É fascinante ver como un país cunha inversión relativamente baixa en educación consegue resultados tan destacados en PISA, o que reforza a idea de que a calidade educativa non depende unicamente dos recursos económicos.
A énfase na colaboración entre o sistema educativo e o mundo empresarial parece moi acertada, xa que prepara ao estudantado para un mundo laboral en constante cambio. Sen embargo, a relación entre a captación de alumnado e a financiación dos centros é algo que me xera dúbidas. Aínda que pode ser que a competencia fomente a mellora, tamén pode aumentar a desigualdade entre os centros, favorecendo aos que xa teñen mellores resultados. Isto é algo que habería que vixiar con moito coidado.
Tamén estou de acordo co teu comentario sobre a baixa retribución ao profesorado. Aínda que o sistema estonio ten aspectos moi positivos, este punto podería ser unha desvantaxe a longo prazo, xa que podería dificultar a atracción de bos profesionais para a docencia.
En definitiva, é un sistema educativo que invita á reflexión e, como mencionas, a adaptalo a outros contextos. Gustaríame saber máis sobre como Estonia logrou manter o equilibrio entre calidade educativa e igualdade de oportunidades a pesar destes desafíos. ¡Grazas por compartir os teus puntos de vista!
Grazas polo teu comentario, Aroa! A verdade é que o vídeo non me convenceu demasiado e tamén me parecería moi interesante que nos falase do sistema educativo unha persoa que o coñecese de primeira man. Fixen unha procura rápida de vídeos dese estilo en redes sociais para intentar ter outra perspectiva, pero non atopei moito. Posiblemente sería máis sinxelo coñecendo a lingua do país.
Eliminar