Contexto. Tema 5 - Sesión 1 de 4: Pablo (13/11/24)

A primeira sesión con Pablo comezou dun xeito sinxelo: trouxo unha pelota e presentouse. A continuación, pasóunola a nós para que a próxima persoa que a tivese nas mans contase un pouco de si mesma tamén. Este exercicio aparentemente tan sinxelo fíxome reflexionar sobre varios temas:

  1. Presentámonos máis veces nun mes de mestrado que no primeiro ano do grao.
  2. A diferencia no ambiente e nivel de participación entre o grao e o mestrado e se podería ou non  estar relacionado coa mestura de idades e experiencias profesionais na aula. 
  3. A diferencia en cando a dificultade que pode supoñer para algunhas persoas un exercicio en momentos relativamente próximos no tempo. Por exemplo, un exercicio moi parecido resultoume moito máis estresante cando o levamos a cabo o primeiro día que un mes despois. Tamén me parece importante recordar que me sentiría distinto se tivese que facelo de adolescente.
  4. A escoita atenta en todo momento por parte das compañeiras.

Nesta entrada centrareime no cuarto aspecto, xa que está relacionado co papel do silencio na aula. No meu instituto, había profesoras ás lles era tan complicado manter a orde que se pasaban horas a gritos, pedindo que calásemos. Algunhas das aulas nas que estiven durante prácticas tamén foron así: unha batalla de berros constante.

Chegadas á universidade, a loita era a contraria. En clases maioritariamente femininas e con moito máis alumnado, as profesoras esforzábanse por conseguir un mínimo de participación, unha resposta ás poucas preguntas lanzadas ao aire. Calquera cousa máis alá da aparente indiferenza inquebrantable transmitida polos dous metros de separación e as caras cubertas de máscaras.

Por outra parte, nas clases de idiomas, falar de silencio mentres se defende un enfoque comunicativo e con énfase na oralidade pode parecer controvertido. Fago un pequeno inciso para sinalar que me parece interesantísimo o ensino sobre as funcións comunicativas do silencio na aula de idiomas. Por se vos interesa, podedes consultar neste artigo de Beatriz Méndez (2014) as funcións do silencio na cultura española. Penso que sería interesantísimo un artigo que analice o seu uso en galego, pero non atopei ningún gratuíto e online.  

Na actualidade, a miña percepción do ocorrido no instituto xa cambiou. Agora estou do outro lado e síntome presionada a lograr manter a orde na clase. Aínda así, penso que para lograr un ambiente verdadeiramente bo non debemos esquecer que obxectivo nunca debe ser cumprir coas expectativas alleas nin resultar profesionais ante os ollos de compañeiras máis experimentadas, senón que debemos centrarnos sempre no benestar do alumnado.

Recordo que de pequena non me gustaban as clases caóticas. A día de hoxe, seguen sen gustarme os gritos. E, malia todo, volver a presenciar esas escenas resultoume estrañamente reconfortante. A pesar de que non sempre nos poidamos levar pola natureza nunha sociedade «civilizada», non podo evitar percibir o barullo dun xeito máis distinto agora. Penso que a rapazada berrando e correndo forma parte do estado natural das cousas, e ata me aliviou volver a velo.

Polo que me comentaron, antes de prohibir o emprego dos móbiles nas aulas e nos recreos as cousas eran diferentes: a rapazada estaba sempre pegada á pantalla e había máis conflito e menos interacción. Penso que, aínda que o problema non poida reducirse para nada a que agora se emprega máis a tecnoloxía, a falta de participación na universidade si que pode estar relacionada con ela. Aínda que non estou moi a favor da prohibición, segundo a miña propia experiencia ás veces pode resultar positivo esa especie de «contacto cero» cos aparellos para recordar que o máis interesante o temos ao noso redor.  

De todos os xeitos, déixovos por aquí un vídeo curto da canle de YouTube Recursos Aula (2019) con tres estratexias sinxelas que podedes probar para conseguir silencio na clase, por se algunha vez vos atopades nunha situación na que o necesitedes.

Persoalmente, paréceme moi necesario establecer normas desde o principio e intentar establecer un clima de aula tranquilo e de escoita, xa que unha vez se asenten certos hábitos será máis difícil cambiar a situación. Encantaríame saber que opinades sobre este tema e se considerades que o silencio é un indispensable na aula. Como adiantei ao principio, para min o silencio na aula debe estar sempre relacionado coa escoita, algo que se expresa de forma moi clara neste artigo de Motta (2015):

En el estado actual de la escuela y, por ende, del aula, se hace necesario que los conceptos de silencio humano y silencio pedagógico cobren vida; es decir que entren a formar parte de los memes cooperativos necesarios para la transformación de los procesos de interacción pedagógica. Así, el silencio como acto de lenguaje podrá cumplir sus funciones lingüística y semiótica. De esta manera, la perspectiva de una educación para la escucha que recupere el valor del silencio en el aula, no busca el acallamiento de las voces, sino, justo lo contrario, demanda por la presencia de un silencio profundamente activo que haga posible la expresión y la escucha –que devienen participación– de todas las voces que habitan el aula, realidad que solo puede darse en la trama y la urdimbre del silencio.

Dalgún xeito, tanto a tecnoloxía como o silencio son dous elementos cos que parece difícil atopar o equilibrio na aula. Semella que, ou os botamos en falta, ou estamos cansas deles.

E vós, tedes algún truco na manga «infalible» para combater o exceso de enerxía ou, pola contra, para conseguir animar a participación? Léovos.

 


Referencias bibliográficas:

Méndez Guerrero, B. (2014). El silencio en el aula de ELE: propuesta taxonómica y metodológica para su didáctica. Didáctica (lengua y literatura).

Motta Avila, J. H. (2016). El valor del silencio humano en la cultura escolar. Cuadernos de lingüística hispánica, (28), 167-187.

Comentarios