Contexto. Tema 5 - Sesión 2 de 4: Pablo (20/11/24)
A segunda
sesión práctica da materia dedicouse principalmente á exposición de contidos
por parte dos diferentes grupos de traballo. Para preparar as presentacións,
cada grupo elixiu un dos temas propostos polo profesor relacionados coa
lexislación do currículo de secundaria (ESO, Bacharelato e FP media e
superior), investigou sobre el e tratou de engadir conclusións e achegas propias
que puidesen resultar de utilidade para o resto da clase.
Concretamente,
o tema elixido polo meu grupo foi «As linguas estranxeiras e a FP. Estrutura,
obxectivos e avaliación». Escollemos este tema dado que era unha oportunidade
para informarnos sobre un ámbito descoñecido para nós, xa que ningún dos
membros do grupo realizou un curso de FP nin estaba familiarizado co ensino de
inglés e outras linguas estranxeiras na formación profesional.
Unha das novidades que se comentaron na clase é que parece que o paradigma do ensino de linguas estranxeiras na FP está cambiando. Como sabedes, actualmente a FP está en auxe e a súa demanda é cada vez maior (Cadena Ser, 2024; El Correo Gallego, 2024 e Faro de Vigo, 2024), algo que se reflicte tanto en centros públicos e concertados coma privados, xa que os primeiros non abondan para dar conta das solicitudes de praza. Así mesmo, esta tendencia está a fomentarse por parte da Xunta de Galicia, que continúa aumentando a oferta.
No que
respecta ao noso ámbito, mentres que ata agora o profesorado especialista de FP
era quen impartía clase de inglés, segundo se comentou na clase, parece que cada
vez é máis habitual que se lle asigne esta tarefa a profesorado de inglés
procedente das listas de secundaria. É dicir, no canto de pedirlle a profesorado
especialista dun ámbito, pero non na lingua estranxeira, que imparta a materia, está comezando a facerse o contrario co fin de fortalecer as competencias lingüísticas do estudantado de formación
profesional. Isto implica un reto para o profesorado de secundaria, que debe
adquirir novos coñecementos ou vocabulario especializado para ser quen de dar
as clases. Persoalmente, tratando de informarme máis sobre o tema, non atopei
moita información de fontes institucionais ao respecto.
Este exemplo
mostra unha vez máis a falta de fontes claras e transparentes que faciliten informarse sobre o funcionamento do sistema educativo
público no Estado e en Galicia. Así mesmo, a situación pon de manifesto as
débedas do sistema educativo en termos de formación do profesorado. Segundo os
principios establecidos pola Ley Orgánica 3/2020 por la que se modifica la Ley
Orgánica de Educación (LOMLOE), a formación do profesorado debe ser unha
prioridade para garantir unha educación de calidade adaptada aos retos do
contexto socioeconómico actual. Porén, non parece existir unha formación
específica para que profesorado de inglés imparta materias relacionadas coa FP.
A pesar dos
retos mencionados, cómpre destacar algúns aspectos positivos relacionados coa
formación e os recursos dispoñibles. Por exemplo, contamos con plataformas como
a do INTEF (Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del
Profesorado), que ofrecen cursos e materiais formativos co fin de mellorar as
competencias docentes, coma a competencia dixital, tan en voga agora mesmo. Este
tipo de recursos constitúen un avance significativo cara a unha educación máis
moderna e accesible, aínda que considero que o máis importante non é que se
obrigue ao profesorado a formarse «para gañar puntos» e que o que debería primar
nestes cursos é a calidade e utilidade dos contidos e dos seus métodos de
ensino.
En relación
coa accesibilidade da información sobre o sistema público educativo, paréceme
preocupante que gran parte dos recursos informativos sexan froito de
iniciativas individuais, como a canle de Profesorado de Galicia, que nos deron a
coñecer nas charlas do mestrado. Esta iniciativa de Pablo Rodríguez Vila, profesor
de galego da EOI de Lugo, presidente da Xunta de persoal docente de Lugo e
secretario comarcal de CIG Ensino, coa que tamén colaboran en menor medida outros profesionais, ofrece
información actualizada e de calidade de todo tipo sobre oposicións, normativa,
recursos educativos, etc. do sistema educativo público. Se te rexistras, podes
acceder incluso a máis contidos, como documentación específica necesaria para
as oposicións ou para despois de opositar. O recurso vai máis alá dunha páxina
web e conta tamén cunha canles de difusión en Telegram, así coma en Youtube e Discord.
En conclusión,
non son quen de opinar sobre a calidade da formación do profesorado, xa que
aínda non tiven acceso a ela, pero si considero que debería ampliarse e, posiblemente, incluír
formacións máis específicas. Por outra parte, resúltame difícil orientarme
entre a marea de papelame e procesos que forman a «cara b» do traballo do
funcionariado e da docencia e considero fundamental unha maior transparencia,
tanto para fomentar a democratización do acceso á información (ao final, as
persoas mellor conectadas e con máis recursos sempre xogan con vantaxe) como para
facelas máis accesible desde o punto de vista da diversidade.
Referencias bibliográficas
Cadena SER. (2024). La Xunta de Galicia prevé más de
65.000 alumnos en FP para el nuevo curso. Radio Coruña. Recuperado o 14 de
decembro de 2024, de https://cadenaser.com/galicia/2024/08/29/la-xunta-de-galicia-preve-mas-de-65000-alumnos-en-fp-para-el-nuevo-curso-radio-coruna/?utm_source=chatgpt.com
El Correo Gallego. (2024). Auge de la FP en Santiago: 274
nuevas plazas y más oferta educativa. Recuperado o 14 de decembro de 2024,
de https://www.elcorreogallego.es/santiago/2024/06/05/auge-fp-santiago-274-nuevas-103386062.html
Faro de Vigo. (2024). El auge de la FP lleva a los
institutos a cerrar listas con listas de espera en Vigo. Recuperado o 14 de
decembro de 2024, de https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2024/04/20/auge-fp-lleva-institutos-cerrar-101299395.html
Gobierno de España. (2020). Ley Orgánica 3/2020, de 29 de
diciembre, por la que se modifica la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de
Educación (LOMLOE). Boletín Oficial del Estado (BOE), núm. 340, de 30 de
diciembre de 2020.
Comentarios
Publicar un comentario