Contexto. Tema 2 - Sesión 2 de 4: Yolanda (18/11/24)
Nesta sesión as persoas que non
coñeciamos en profundidade o MCER tivemos un primeiro contacto con el. Trátase
dun documento descritivo esencial para o ensino e aprendrizaxe de idiomas, e que busca ser integrador, coherente e transparente. Un
dos aspectos que máis me chamou a atención foi a publicación en 2020 do seu Volume
Complementario, que eu descoñecía.
Figura 1. Volume complementario MCER (2020)
Este volume materializa a aposta actual pola inclusividade e apoio á diversidade na educación en todos
os ámbitos e, en concreto, na aprendizaxe de linguas estranxeiras. Así, o documento mostra
un avance na percepción das necesidades modernas en todos os sentidos e busca
adaptarse á realidade actual. Como novidade, incorpora competencias
relacionadas coa mediación lingüística e coa linguaxe de signos. Tal e como se
comentou na clase, este documento non substitúe ao Marco, senón que amplía os
seus contidos. Penso que este volume pode ser de grande axuda, pero que é necesario dominar como mínimo algunha lingua de signos
para poder entender o seu valor e as súas posibles carencias. No caso de que vós teñades coñecementos destas linguas, e queirades saber máis sobre as súas escalas e os seus descritores, tal vez vos interese este vídeo da canle de YouTube da CNLSE (2021).
Persoalmente, encantaríame saber máis sobre como aplicar o MCER ao ensino do inglés. Ser quen de poñelo en práctica paréceme un reto. Neste aspecto, resultáronme útiles as presentacións de Cristina e Adriana, xa que supuxeron un achegamento máis ao Marco. Un exercicio que me resulta moi interesante é intentar comparar como un mesmo tema ou mesmo un exercicio ou actividade pode tratarse de xeitos diferentes para traballar con persoas de distintas idades e distintos niveis, precisamente, un dos temas que se nos comentou que se preguntaba nas entrevistas profesionais no Centro de Linguas.
Como persoa con pouca experiencia no ensino, algo que me axuda é comentar estes aspectos con xente con máis experiencia ou con intereses semellantes e penso que podería ser unha boa idea de práctica para as clases de anos vindeiros (nesta ou noutras materias). Ademais, considero que este tipo de preparación previa nos daría seguridade, xa que a miúdo debemos deixarnos levar pola intuición ou polo que establece o libro de texto para saber se o que estamos preguntando se adecúa ao nivel do alumando no momento.
Tamén me encantaría aprender máis sobre
os criterios que se empregan e o proceso que se leva a cabo para crear
materiais de cero, desde exercicios e actividades ata probas de nivel e probas
de exame. Na charla que tivemos coa directora da EOI de Vigo tamén se mencionou a
importancia de que os materiais tivesen un nivel adecuado. Se algunha de
vós fai prácticas na EOI e pode estar presente ou participar na creación de
contidos, invítovos a compartir a vosa experiencia e se vos resultou interesante.
Na web de The British Council, por poñer un exemplo, os materiais están clasificados seguindo os niveis do MCER. Este tipo de contidos recórdannos a importancia, unha vez máis, de ir máis alá de preguntar por un vocabulario ou unhas estruturas gramaticais e de entender como distintas formas de avaliar poden implicar distintos graos de dificultade.
Os exames de Cambridge tamén dan sempre que falar neste aspecto. Xa de pequena dábame a impresión de que debían ter detrás uns cálculos enormes para conseguir que as persoas que tivesen un determinado nivel quedasen entre dous rangos numéricos. No caso dos Readings, as preguntas facíanseme pouco claras, a ás veces parecíanme máis complexas que o propio texto.
E vós, opinades o mesmo? Que
impresión tedes destas probas? Parécenvos «obxectivos» este tipo de exames ou, pola contra,
non vos gustan demasiado? Se estades
interesadas en saber máis sobre o tema ou descoñecedes a metodoloxía de avaliación
de Cambridge (2013), recoméndovos que lle botedes un ollo ao seguinte webinario. É longo, pero podedes
centrarvos nas partes que máis vos interesen.
En definitiva, considero que un dos maiores desafíos para ensinar segundo o MCER na aula durante o período de prácticas é a falta de formación práctica sobre ensino de lingua inglesa do que carecemos, que o profesorado leva xa décadas a sinalar. O MCER establece unha serie de niveis e competencias que son útiles e necesarios para guiar o proceso de ensino e aprendizaxe, pero para que se poidan aplicar de maneira efectiva, deberíamos contar cunha formación máis específica, orientada á mellorar e avaliar os materias elixidos ou creados, así como opcións para adaptalos a necesidades especiais do estudantado.
Descoñezo programas de mestrado ou de formación docente públicos que inclúan unha capacitación detallada sobre como aplicar o MCER, e considero que esta carencia pode prexudicar o alumnado. E vós, coñecedes algún? Outra alternativa interesante podería ser unha oferta de talleres ou formacións especializadas no tema e nunha lingua concreta, que poderían servir mesmo como escusa para renovar as metodoloxías de traballo tanto de profesionais con coma sen experiencia. Por outra banda, afondar máis neste tema tamén resultaría beneficioso para poder optar a outras saídas laborais, como a creación contidos para a aprendizaxe de idiomas.
Referencias bibliográficas
CNLSE. (2021). Escala de descriptores ilustrativos del MCER: competencias en lengua de signos [Vídeo]. YouTube. Recuperado o 14 de decembro de 2024, de https://www.youtube.com/watch?v=eYVa411yD-s
Consejo de Europa. (2020). Volumen complementario del marco común europeo de referencia para las lenguas: Aprendizaje, enseñanza, evaluación.
English with Cambridge. Practice makes perfect: Creating your own exam materials for the classroom [Vídeo]. YouTube. Recuperado o 14 de decembro de 2024, de https://www.youtube.com/watch?v=uFUna0fh8Sc&list=PLpmCHL8PnXq88RiE_Bc0bAaotsDCHsEay&index=172



Comentarios
Publicar un comentario