Contexto. Sesión 4 de 4: Pablo (11/12/24)
Os temas principais da última
sesión da materia foron a concreción curricular, as programacións e as unidades
didácticas nos centros de secundaria en Galicia. En relación con estes aspectos,
durante o transcurso da clase xurdiron tamén outras cuestións interesantes,
como cada canto tempo se cambia o libro de texto, a diferenza entre actividades
extraescolares e complementarias, a cantidade de alumnado con materias
pendentes ou que repite curso e os plans de reforzo, a eliminación das
recuperacións de setembro, etc. Así, esta última entrada estará relacionada co
fracaso escolar e as medidas específicas de apoio ao estudantado.
Un dos primeiros pasos que se
adoitan tomarse para evitar o fracaso escolar son as medidas ordinarias de
reforzo educativo, lexisladas no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que
se regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes da
Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG,
2011). O reforzo educativo pode elaborarse tanto para un alumno individual como
para un grupo de alumnos que presenten dificultades similares no proceso de
ensino-aprendizaxe. Diferénciase da adaptación curricular en que, no caso do
reforzo, non se modifican os obxectivos, criterios de avaliación ou estándares
mínimos da materia. Ademais, é a persoa que imparte a materia quen decide
aplicar o reforzo e a responsable de levalo a cabo, aínda que poida contar coa
colaboración doutros membros do profesorado. Así mesmo, a titora do centro e a familia do
estudante deben estar informadas das medidas aplicadas, pero estas non requiren ser
aprobadas previamente pola inspección educativa. En resumo, o reforzo educativo
é unha medida temporal que aborda dificultades específicas sen alterar o
currículo oficial.
Malia todo, parece que a
existencia deste tipo de medidas non conseguen solucionar o problema, ao que se
lle suma a necesidade en aumento de atender á diversidade do alumnado. En canto a
propostas por parte do Goberno, a Xunta de Galicia anunciou a comezos de curso
2024 o Plan MEGA. Este plan está dotado con 77 millóns de euros para os
seguintes catro cursos, co obxectivo de promover iniciativas como PROA+
(reforzo, orientación e apoio), o reforzo das competencias lectora e
matemática, o apoio educativo para o alumnado estranxeiro e o impulso de
centros referentes (Xunta de Galicia, 2024). A medida que máis se destacou do
plan é que inclúe a incorporación de 400 novos docentes. Porén, a noticia da Xunta
resulta pouco clara sobre este aspecto. Por unha parte, o titular indica que se
beneficiarán 400 centros por curso, pero se facemos un seguimento das incorporacións
ata o momento (CIG, 2024) semella que a cifra dos 400 docentes fose repartirse
en catro anos.
Malia non ser especialista no tema, busquei máis información sobre como se destinan os fondos e segundo que criterios. Non parece haber moita información sobre ese tema. O PROA+ é a parte do Plan sobre o que parece haber máis información, dado que se pode acceder ás bases da convocatoria para participar neste programa (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, 2024). Por outra parte, meses despois, os principais xornais galegos, como La Voz de Galicia e Faro de Vigo, tampouco achegan case información adicional ao comunicado feito pola Xunta e a única crítica realízaa La Voz de Galicia (2024) sobre a discriminación contra os centros concertados nun artigo no que sinala que estes centros só poden acceder ao programa PROA+ cunha dotación máxima de 10 000 € por curso para contratar profesorado de apoio. Esta suposta discriminación dos centros concertados e privados en Galicia está lonxe de ser real, xa que a Xunta leva anos a favorecer este modelo educativo. Un exemplo recente denúnciase neste artigo de Praza Pública (2024), que vos recomendo ler, se tedes tempo. Nel explícase, entre outros aspectos, como a Xunta decidiu devolver 22,3 dos 34,9 millóns de euros de fondos europeos que lle foran asignados para crear 3417 prazas públicas de educación infantil (0-3 anos) antes de decembro de 2025.
No que respecta ao Plan MEGA, as
principais críticas proveñen de CIG Ensino (2024), que acusa á Xunta de
empregar os fondos europeos destinados a mellorar a atención á diversidade para
cubrir recortes de persoal anteriores, así como de falta de transparencia no
que atinxe o PROA+. (Artigo 1 CIG
Ensino; artigo 2 CIG
Ensino).
En liñas xerais, concordo en que a información que se ofrece é insuficiente, o que dificulta unha valoración realista sobre a eficacia do Plan MEGA. Ademais, a propia implantación destas medidas está rodeada de críticas que poñen de manifesto a falta de coherencia entre os obxectivos anunciados e as accións levadas a cabo. Outro aspecto que non debe pasarse por alto é a situación laboral do profesorado. Segundo a CIG (2024), unha parte importante do persoal contratado atópase nunha situación de temporalidade, e mesmo se denuncia que os contratos finalizan en xuño no canto de a finais do verán, para aforrar custos e sen garantir a súa continuidade nos seguintes cursos académicos.
En conclusión, as medidas para a atención á diversidade son escasas, e o seu peso recae principalmente no profesorado. Ademais, existe unha preocupante falta de transparencia sobre o destino dos fondos, un aspecto que tanto a cidadanía como os profesionais do sector debemos reclamar. É imprescindible que se esixa unha mellor xestión e planificación dos recursos e o seguimento das medidas efectuadas, así como que se garantan unhas condicións equitativas para todo o alumnado.
Referencias bibliográficas
CIG Ensino. (2024). CIG Ensino
denuncia a falta de transparencia na xestión dos fondos PROA+. Recuperado o
9 de xaneiro de 2024, de
https://www.cig-ensino.gal/noticias/proa-plus-transparencia.html
CIG Ensino. (2024). Novos
docentes contratados baixo condicións precarias. Recuperado o 9 de xaneiro de
2024, de https://www.cig-ensino.gal/noticias/novos-docentes-precarios.html
Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades. (2024). Convocatoria para
participar no programa PROA+. Recuperado o 9 de xaneiro de 2024, de
https://www.edu.xunta.gal/proa2024/convocatoria
La Voz de Galicia. (2024). Colegios concertados y familias dicen que están excluidas de los programas educativos. Recuperado o 9 de xaneiro de 2024, de https://www.lavozdegalicia.es/noticia/educacion/2024/11/19/ampa-concertados-dicen-excluidas-programas-educativos/00031732007705367532667.htm
Praza Pública. (2024). A devolución dos 22 millóns para escolas evidencia o plan da Xunta de estender a gratuidade pola privada. Recuperado o 10 de xaneiro de 2024, de https://praza.gal/politica/a-devolucion-dos-22-millons-para-escolas-evidencia-o-plan-da-xunta-de-estender-a-gratuidade-pola-privada
Xunta de Galicia. (2011). Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Diario Oficial de Galicia. Recuperado o 9 de xaneiro de 2024, de https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2011/20111221/AnuncioC3F1-151211-9847_es.html
Xunta de Galicia. (2024). Rueda anuncia que la Xunta reforzará los centros con 400 docentes adicionales para mejorar el éxito escolar, la inclusión y el desarrollo integral del alumnado. Recuperado o 9 de xaneiro de 2024, de https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/004809/rueda-anuncia-que-xunta-reforzara-los-centros-con-400-docentes-adicionales-para
Comentarios
Publicar un comentario