Contexto. Sesión 4 de 4: Yolanda (9/12/24)

 

Nota aclarativa: Ao comezar a redactar esta entrada decateime que a anterior estaba máis relacionada coa cuarta sesión que coa terceira, polo que intentarei relacionar esta entrada algo máis cos contidos da terceira sesión.

Como sabedes, resulta complicado definir o concepto de cultura. Durante a carreira de Tradución e Interpretación, tivemos unha materia sobre o tema e a profesora formulounos unha serie de preguntas que me resultaron moi interesantes para ampliar a idea que tiña sobre ela. Posto dun xeito moi resumido, a cultura pode definirse empregando pares opostos. É dicir, aínda que poida resultar contraintuitivo, podemos entender a cultura como múltiple, pero tamén como única. Por exemplo, a cultura sería única no contexto do ensino de linguas cando identificamos a un falante cunha cultura (1 falante = 1 cultura) ou cando entendemos que existe unha correspondencia entre cultura e nación ou estado. Podemos entender a cultura como innata, xa que o ser humano ten unha tendencia natural a organizarse en sociedades, pero tamén como algo aprendido, como algo que forma parte dun sistema e se nos transmite xeracional mente. E así poderíamos seguir.

Durante esta sesión, en concreto, falamos sobre como parte da ensinanza de linguas inclúe a ensinanza tamén de coñecementos culturais. Botámoslles unha ollada aos estereotipos, que definimos, máis que como falacia, como visión incompleta da realidade, e comentamos que a clave para traballalos na aula era ofrecer unha visión más ampla. En xeral, esta é a clave para ter unha visión crítica e ir mudando e deixando evolucionar as nosas ideas. Así, nalgún momento, aquilo no que criamos, de xeito consciente ou inconsciente, pasa a parecernos incorrecto, parcial, incompleto ou que a perspectiva desde a que partía esa idea é limitada.

A cultura, de todos os xeitos, é un deses conceptos que non parece encaixar coa idea do pensamento científico. Tamén na carreira, un dos nosos profesores de interpretación aproveitaba cada ocasión posible para explicarnos a base científica do que ocorre na cabina: o que está demostrado; o que non se sabe por que funciona ou varía segundo as preferencias da persoa, como tapar ambas orellas ou unha soa cun casco, etc. A min resultáronme moi ilustrativos e moi útiles os seus comentarios. Ao fin e ao cabo, tratábase dunha persoa experta na materia, resumindo as investigacións que outras expertas ou que el mesmo levara a cabo en poucas palabras, de xeito moi claro e, se é que se pode pedir máis, cun enfoque práctico e aplicable ás nosas tarefas na aula.

Cando pensei sobre facer o meu TFG, non tiña claro en que consistiría, pero imaxinaba tamén algo así. Un proceso de documentación e procura teórica extensa como primeira fase, seguida dunha análise, o máis rigorosa posible, sobre algún aspecto relacionado coa tradución e interpretación en xeral ou sobre un texto completo. Porén, o que rematei facendo foi algo completamente diferente e, aínda que probablemente as miñas técnicas deixasen moito que desexar, acabei levando a cabo o que ata ese momento case non sabía que existía: unha investigación cualitativa. Curiosamente, aínda que non fose parte do tema central, tamén ese mesmo intento distinción entre que é cultura e que é estereotipo brotou de xeito natural nas entrevistas do meu TFG.

É posible que hoxe en día esteamos un pouco obsesionadas co coñecemento científico, que idealicemos poder cuantificalo e medilo todo, e que esteamos algo namoradas da análise de datos e da idea de aspirar a unha obxectividade que no fondo é imposible… tal vez ten razón quen afirma que a ciencia é a nova fe ou a nova relixión. Hai uns días, nunha clase do mestrado, un profesor relacionou a obsesión por cuantificar a realidade cos sistemas de aprendizaxe que forman parte da nosa cultura, e que, no noso país, aínda relacionan o saber coa acumulación de coñecemento.

No que respecta ao ensino de linguas… si, confeso que boto de menos a perspectiva do noso profesor de interpretación, de ter a ciencia como base e respaldo dunha metodoloxía detrás da planificación dunhas clases, actividades ou exercicios. A sensación de ter algo seguro detrás, aínda que sexa importante recordar que a ciencia evoluciona e que as certezas tamén poden aprisionarnos e meternos nunha xauliña de cristal para evitar converter o científico en fe. En definitiva, aínda que se nos fala seguido sobre que a aprendizaxe activa do alumnado e o enfoque comunicativo son as formas de traballar, boto de menos ter coñecementos moito máis concretos e prácticos sobre elas. Penso que, ao non afondar nestes temas e atoparnos na situación que ter que dar clase acabamos guiándonos pola nosa intuición e polo libro de texto, do que é difícil fuxir cando unha non está segura do que fai.

As poucas clases de estatística que tiven demostráronme unha vez máis que sempre existe unha lente, unha perspectiva desde a que miramos. Sempre partimos dun ángulo e deixamos atrás moitos outros, que desbotamos ou nin consideramos, xa sexa de forma consciente ou co fin de manipular ou convencer. Noutras palabras (e non o digo eu, xa o dicían os meus profesores): coa estatística, malia que moita xente a categoriza dentro das «certezas» que se relacionan co numérico, podemos dicir o que nós queiramos. Así, incluso pode ser difícil poñer a liña entre o que é manipular ou non a información. 

Entendo que a clave para dar clase é atopar un equilibrio entre coñecer o que funciona e está supostamente demostrado e empregar a nosa experiencia e a nosa intuición. A min, realizar un estudo cualitativo abriume ás portas a un novo mundo que non está composto de cuadrículas e que pode conter todas as formas que ten a realidade. Ironicamente, a procura da obxectividade, aquilo que perseguimos para parecermos profesionais recórdame a un impulso infantil: queremos pensar que hai unha forma boa de facer as cousas, sentir que as temos controladas, que ten que haber maneiras de medir e demostrar o que está mellor ou peor feito. Parece formar parte do afán por sentirnos seguras nun mundo incerto.

Tamén me parece fundamental practicar o comentado pola profesora de psicoloxía do mestrado, que é para o que eu empreguei esta entrada: reflexionar. Pode resultar complicado continuar con este exercicio unha vez nos imos coñecendo máis, temos máis experiencia e nos engole a rutina. Porén, debemos facernos preguntas para saber que é o que cremos (how are we biased?) e poder entender como as nosas percepcións e puntos de vista poden influír no noso traballo e no alumando.


Comentarios