Didáctica. Tema 11: A avaliación.


Ata o de agora, consideraba que avaliar estaba directamente ligado á cualificación. Porén, tras as clases, percibo a avaliación como un proceso de recollida de información sobre o alumnado que xera unha retroalimentación útil para a súa mellora. En definitiva, as clases ampliaron a miña perspectiva e ofrecéronme información nova sobre ferramentas de avaliación e a importancia de que esta sexa continua e estea deseñada correctamente.  

 

A avaliación

O noso traballo como docentes debe ser o máis rigoroso posible e debemos fundamentar as nosas crenzas sobre as competencias e saberes adquiridas polo estudantado, do mesmo xeito que debemos ser quen de identificar cales son os seus puntos fortes e débiles para poidan seguir adquirindo e integrando unha lingua estranxeira. Así, avaliar consiste en recoller información de forma sistemática, o que implica que a avaliación debe estar correctamente planificada e deseñada para que nos proporcione información de calidade sobre aqueles aspectos que buscamos evidenciar e documentar desde o inicio do curso. Podemos considerar que toda actividade é avaliable e que, a efectos prácticos, o que non se avalía, non existe.

A finalidade da avaliación debería ser, en última instancia, axudar a mellorar ao estudantado e o seu resultado non debería ser unha sorpresa final, nin para o profesorado nin para o estudantado. Como ocorre con calquera ferramenta que se emprega para medir e analizar, a información que obteremos será máis fiable se non é o resultado de recollela un único día e mediante un só método. En definitiva, a avaliación formativa (ou avaliación de progreso ou de aprendizaxe), o que exixe a lexislación, difire por completo da avaliación final.

Existen distintas opcións que debemos valorar cando avaliamos ao alumnado. Podemos cualificar ou non, compartir co estudantado ou non a cualificación, proporcionar un feedback parcial ou máis detallado, avaliar a todo o mundo o mesmo día ou avaliar en distintos días, no caso de que vaiamos a realizar actividades de aula semellantes que se repetirán ao longo do curso, etc.

 

As ferramentas de avaliación

Existen diferentes instrumentos de avaliación, como poden ser a observación na aula, as entrevistas, os cuestionarios, as listas de control, os portfolios, os baremos, ou as rúbricas. Persoalmente, eu atopo útiles e sinxelas as listas de cotexo, aínda que a ferramenta que empreguemos deberá adaptarse ao tipo de actividade que pidamos así como ser capaz de transmitirnos o tipo de información que buscamos. Neste artigo de Aula Planeta (2016) podedes atopar ideas de ferramentas útiles para avaliar coas que tal vez non estivésedes familiarizadas, coma a revista ou diario escolar ou incluso as obras de teatro. 

Imaxe 1. Checklist. Fonte: Freepik

Durante as sesións da materia creamos unha rúbrica, unha das ferramentas de avaliación máis traballosas de elaborar. Dado que as rúbricas están moi de moda, resultoume especialmente interesante aprender cales son as características dunha boa rúbrica. Por exemplo, deben evitarse formulacións ambiguas, así como criterios excesivamente pechados que exclúan traballos diferentes pero de calidade. Idealmente, unha boa rúbrica debería poder ser empregada con facilidade por unha persoa distinta de quen a creou, incluíndo o alumnado.

As rúbricas fomentan a transparencia na avaliación e, tal e como indican Fraile e Pardo (2017), son útiles para o estudantado, xa que lle transmiten as expectativas sobre a tarefa, permitíndolle planificarse desde o principio, así como monitorizar e avaliar o seu progreso, que pode ter unha maior influencia que a propia retroalimentación recibida por parte do profesorado. Aínda así, tamén debemos ter en conta que esta ferramenta que non sempre é necesaria e que resulta especialmente útil para avaliar actividades ou procesos complexos. Neste enlace podedes consultar os exemplos de rúbricas analíticas que creamos na clase para avaliar as nosas actividades de mediación. Debido ao tempo que se precisa para elaborar unha boa rúbrica, outro aspecto interesante sería intentar que nos sirvan para avaliar máis de unha tarefa. 


Os tipos de avaliación

Tanto o estudantado como o profesorado deben coñecer o seu nivel desde o inicio, polo que as actividades de avaliación inicial poden ser de grande utilidade. Como xa adiantei, o modelo de avaliación recomendado é a avaliación formativa, xa que unha avaliación final non fomenta a mellora continua do alumnado e recolle moita menos información.

En canto á retroalimentación, é importante que o alumnado non reciba un cúmulo de comentarios negativos do profesorado. Debemos valorar canta información compartimos para conseguir que isto resulte produtivo. É fundamental que a retroalimentación sexa de calidade e non se basee en eloxios ou xuízos de valor.

Por outro lado, debemos fomentar a reflexión, e unha forma posible de facelo é ofrecendo ferramentas de autoavaliación. Por outra, as teorías socioconstructivistas defenden que unhas persoas aprendemos das outras, polo que resulta interesante que o estudantado conte con ocasións para avaliarse e criticarse de forma construtiva entre si e que poidamos fomentar a coavaliación, que en ocasións pode resultar delicada.

Imaxe 2. Coaprendizaxe. Fonte: Freepik

Por último, a avaliación debe estar orientada a que se produza unha acción e un cambio. Así, podemos introducir o hábito no alumnado de realizar cambios nos traballos que entreguen para poder mellorar a nota ou mesmo antes de obteren a cualificación final.

 

Conclusión

Deseñar as actividades en si é tan importante como prestarlle atención á avaliación e propiciar a metacognición e a posta en común das ideas unha vez realizadas as actividades. Durante as sesións de clase isto foi algo que experimentamos en primeira persoa, xa que traballamos en grupo, coñecemos as propostas dos outros equipos da aula, e recibimos críticas construtivas do noso traballo ao tempo que puidemos aprender das suxerencias de mellora que recibían o resto dos equipos.

 

Referencias bibliográficas

Aula Planeta. (2016). 25 maneras diferentes de evaluar a tus alumnos. Recuperado o 10 de xaneiro de 2024, de https://www.aulaplaneta.com/2016/02/11/recursos-tic/25-maneras-diferentes-de-evaluar-tus-alumnos/

Fraile Ruiz, J., Pardo, R., & Panadero, E. (2017). Revista Complutense de Educación. ¿Cómo emplear las rúbricas para implementar una verdadera evaluación formativa?

 

 

Comentarios