Didáctica. Temas 1 e 3
As aprendizaxe
dunha lingua estranxeira poden dividirse en catro grandes bloques de habilidades segundo o
Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECR): comprensión, expresión, interacción e mediación.
O deseño das actividades para traballar estas habilidades é un aspecto clave do traballo docente, tanto para motivar ao alumnado e centrar a aprendizaxe na comunicación en lingua estranxeira, como para que a posterior avaliación proporcione información relevante. Ademais, débese coidar a planificación e a orde na que se realizan as actividades. Para min, a forma na que se organizaron as clases desta materia resultoume especialmente útil, xa que, aínda que o obxectivo principal non era aprender a planificar unha clase, a forma na que se desenvolveron as sesións foron en si un exemplo sobre como introducir e orientar sobre coñecementos novos dun xeito orgánico. O resultado foi que non percibín ter que crear as actividades como un reto estresante e difícil de asumir, senón como unha tarefa á que era posible enfrontarme malia non ter práctica facendo algo así.
Actividades de mediación
As actividades de mediación son
unha das incorporacións máis novidosas do MECR, xa que foron incluídas no
Volume Complementario publicado en 2020. En liñas xerais, a mediación implica a
combinación das outras tres destrezas, pois require comprender, expresar e
interactuar en diferentes contextos, aínda que nalgúns casos a situación de interacción
poida ser ficticia.
As actividades de mediación
buscan reproducir situacións comunicativas reais, xa que ter que actuar como
mediadores é algo habitual no día a día. Tamén están estreitamente vinculadas á
competencia plurilingüe, dado que as linguas non existen de maneira illada no
noso coñecemento. Á súa vez, esta competencia pode axudar ao alumnado a
recoñecer patróns lingüísticos, establecer pontes entre diferentes idiomas e
comunicarse en situacións reais empregando recursos do seu repertorio
lingüístico persoal.
En canto á actividade de mediación que
deseñamos, o noso grupo de traballo buscou traballar con materiais de interese
para o alumnado e garantir que non houbese forma de levar a cabo a actividade
sen mediar. Para conseguilo, dividimos o alumnado en parellas nas que cada persoa visualiza un vídeo distinto que deberá explicarlle ao outro compoñente da parella para poder realizar o resto da actividade. A partir desta dinámica buscamos que
cada estudante teña que esforzarse para solucionar unha necesidade de comunicación real, fomentando
a aprendizaxe orientada á acción.
Actividades de comprensión
As actividades de comprensión
poden realizarse fóra da aula, xa que é recomendable non dedicarlles demasiado
tempo en clase. No entanto, é importante buscar maneiras de dinamizalas para
que sexan máis activas e colaborativas.
Traballar con recursos
auténticos, como música, vídeos, artigos ou podcasts, pode ser moi beneficioso para que
o alumnado se familiarice con diferentes rexistros, variedades lingüísticas, velocidades de
fala e acentos.
Tanto durante a elaboración desta actividade como da actividade de produción resultoume moi útil aprender sobre a importancia de descompoñer un proceso en distintas fases. No caso da expresión oral, a fase de familiarización, traballando
sobre estratexias de escoita ou vocabulario específico, pode resultar clave para
garantir o éxito do alumnado. Tamén é fundamental proporcionar feedback e
concienciar o alumnado sobre a importancia de expoñerse á lingua estranxeira de forma
habitual e proporcionarlles exemplos de materiais que sirvan de gancho para
fomentar a lectura e escoita extensivas, aínda que sexa só durante períodos
curtos ao día ou á semana.
Actividades de produción e
interacción
Neste apartado centrareime especialmente na produción escrita, sobre a que traballamos para crear unha actividade. Dado que era bastante nova cando comecei a estudar inglés e francés, un dos misterios da aprendizaxe de linguas para min é como conseguimos mellorar na nosa produción. Máis aló do rol de estudantes, como docentes resultarnos moi útil contar con información de fontes científicas fiables que nos formen sobre tema. Por exemplo, os resultados da investigación de Krashen (1981) sobre o papel da primeira lingua na adquisición dunha segunda, indican que a influencia da primeira lingua semella ser máis forte na orde complexa das palabras e nas traducións literais de frases. O estudo indica que «a Lingua 1 pode “substituír” a Lingua 2 adquirida como iniciadora de enunciados cando o falante ten que producir na lingua meta pero non adquiriu suficiente da L2 para facelo » e que «a influencia da primeira lingua pode, así, ser un indicador dunha baixa adquisición. Se é o caso, pode eliminarse ou, cando menos, reducirse mediante a exposición natural e o uso da lingua».
A expresión escrita require de tempo e instrución explícita. Coñecer as convencións de escrita dunha lingua é unha habilidade esencial, especialmente no ámbito académico. Debido á súa extensión, moitas actividades de expresión escrita envíanse para casa, pero isto pode presentar problemas, como os derivados do mal uso de ferramentas de intelixencia artificial.
Para abordar esta cuestión,
podemos propor actividades de escritura máis breves na aula ou traballar partes
do proceso de escritura en clase, en lugar de encomendar toda a produción.
Alguns exemplos de actividades breves e
motivadoras que podemos empregar inclúen:
- Foros.
- Anuncios por palabras (por exemplo, como en
Wallapop).
- Resencións breves de produtos ou experiencias.
- Contos encadeados, nos que cada estudante continúa
a historia iniciada por outro.
- Blogs colaborativos.
- Creación literaria, como a redacción de poemas a partir dun modelo.
Outro aspecto clave é concienciar
o alumnado sobre a importancia da práctica para mellorar a súa produción.
Ademais, é importante que dispoñan de bos modelos de referencia.
Na actividade que creamos,
incorporamos expresión oral e interacción na fase de planificación. Pensamos
que esta estratexia resulta positiva por varios motivos. En primeiro lugar,
pode axudar a superar o medo ao folio en branco e á soidade da escritura, xa
que primeiro se intercambian opinións entre compañeiras. Por outra parte,
traballamos a interacción oral, fomentamos a participación e contribuímos a
normalizar a expresión en inglés como unha práctica habitual de aula. Por
último, combinamos exercicios de distinto tipo, o que contribúe a dinamizar a
sesión e que resulte máis levadía para o alumnado.
Sabiades que do mesmo xeito que incorporar a expresión oral pode ser unha estratexia para mellorar a produción escrita, realizar a operación inversa tamén pode resultar beneficioso? Neste artigo (Bueno, 2016) podedes ler con maior detalle sobre a «Pirámide invertida da escritura» e como o traballo da produción escrita demostrou axudar a mellorar a fluidez de estudantes de nivel avanzado.
Conclusión
O deseño das actividades na aula de linguas estranxeiras é unha parte cada vez máis presente do traballo docente. As primeiras sesións desta materia permitíronnos enfrontarnos por primeira vez a esta tarefa seguindo unha serie de pasos e entendendo que factores debemos ter en conta para facelo, ademais de fomentar a reflexión a partir da corrección tanto do noso traballo como das actividades creadas polas compañeiras. Nesta entrada resumo brevemente algúns aspectos destacados para min, aínda que podería incluír moitos máis. Cabe recordar que non existe unha «fórmula máxica» e que debemos adaptarnos na medida do posible ao noso alumnado. Unha mesma actividade, como aprender a responder a unha oferta de traballo, pode resultar moi interesante para un público adulto, e todo o contrario se estamos traballando con estudantado de 12 anos.
Referencias bibliográficas
Bueno, F. D. C. G. (2016). Pirámide invertida de escritura: una estrategia para mejorar la fluidez en la expresión oral en el aprendizaje de inglés como lengua extranjera. Cuaderno de Pedagogía Universitaria, 13(25), 21-30.
Krashen, S. (1981). Second language acquisition. Second Language Learning, 3(7), 19-39.
Ola, Julia!
ResponderEliminarEncantoume a túa entrada! Respecto ao que comentas sobre a estructuración destas sesións, a min tamén me parecera unha forma práctica de organizar a información, pero non me parara a pensar no útil que pode ser para nós como docentes ao servirnos de exemplo. Gran observación!
Tamén me parece unha moi boa idea empregar materiais reais, como fixestes na actividade de comprensión. Sen dúbida, iso aumenta a motivación dos alumnos porque perciben que están a traballar con algo auténtico e significativo para eles. Ademais, tal e como comentas, hoxe en día resulta bastante complicado que se animen a practicar a produción, sobre todo a escrita, polo que calquera estratexia que faga este proceso máis atractivo é moi valiosa.
Parabéns polo blog e por todas as ideas que compartes! Estou segura de que serán moi útiles tanto para nós como para os nosos alumnos.
Ola Julia! A túa reflexión sobre o deseño de actividades na aula de linguas estranxeiras é moi enriquecedora e destaca aspectos fundamentais que todo docente debe ter en conta. A forma na que estruturalas para garantir unha aprendizaxe efectiva, motivadora e significativa para o alumnado é, sen dúbida, un dos grandes desafíos da ensinanza de idiomas.
ResponderEliminarUn dos puntos máis interesantes do teu análise é como describes a mediación como unha habilidade integradora dentro do MCER. Como ben sinalas, a mediación non só implica reformular ou traducir información, senón que tamén require habilidades de comprensión, interacción e expresión. A actividade que creastes, na que cada estudante debe visualizar un vídeo distinto e explicalo ao seu compañeiro, exemplifica perfectamente como se pode fomentar unha necesidade comunicativa real na aula. Este tipo de estratexias non só melloran a competencia lingüística, senón que tamén contribúen a desenvolver a autonomía e a confianza do alumnado.
En canto ás actividades de comprensión, coincido en que o uso de materiais auténticos como música, vídeos ou podcasts é clave para expor ao alumnado a diferentes rexistros e variedades lingüísticas. A idea de dinamizar estas tarefas para evitar que sexan pasivas tamén é un aspecto esencial. A aprendizaxe dunha lingua non debe ser un proceso mecánico, senón unha experiencia activa que involucre ao estudante de forma significativa. Ademais, a túa mención á importancia da exposición regular á lingua estranxeira é fundamental, pois a inmersión, aínda que sexa parcial, facilita a adquisición natural do idioma.
En relación á produción escrita, o enfoque que mencionas baséase en principios moi acertados. O medo ao folio en branco é un dos maiores obstáculos para os estudantes, e incorporar a interacción oral na fase de planificación é unha excelente estratexia para mitigar este problema. A escrita é un proceso que require instrución explícita e práctica frecuente, polo que introducir modelos, actividades breves e dinámicas colaborativas pode marcar unha gran diferenza na motivación e progreso do alumnado. Ademais, a túa referencia ao traballo de Krashen e á influencia da primeira lingua na aprendizaxe dunha segunda aporta unha base teórica moi valiosa para comprender os retos aos que se enfrontan os estudantes.
Por último, a túa conclusión é unha chamada de atención importante: non existen fórmulas máxicas na ensinanza de linguas. Cada grupo de estudantes é único e require adaptacións constantes por parte do docente. A planificación das actividades debe ser flexible e responder ás necesidades e intereses do alumnado, asegurando que a aprendizaxe non só sexa efectiva, senón tamén relevante e motivadora.
Parabéns Julia!
¡Boa entrada, Julia! Gustoume mouto a reflexión que fixeches sobre cómo traballamos en clase para familiarizarnos cos diferentes tipos de actividades da lingua. Eu tamén sinto que, tal e como o fixemos, tivemos a oportunidade de coñecer e entender os conceptos teóricos e poñelos en práctica de maneira progresiva e fluida, introducindo gradualmente ás nosas actividades novos pasos e seccións.
ResponderEliminar