O perfil plurilingüe: reflexión persoal
Durante a terceira sesión da materia de Didáctica impartida por Cristina presentáronsenos unha serie de cuestións relacionadas co perfil plurilingüe. Como é o teu perfil prurilingüe? Cales son as túas principasis características e experiencias lingüísticas e comunicativas? Cales son os teus obxectivos como docentes? Cal é o teu punto de vista sobre o plurilingüismo no ensino de idiomas? Propón unha actividades plurilingüe para a aula.
A continuación, compártovos a miña reflexión persoal:
Son unha persoa que se criou en galego na casa, aínda que, a partir dos 4 anos pasei a falar maioritariamente en castelán fora da casa (sen eu recordalo). Cos anos, comecei a vivir de forma máis coherente coa miña conciencia lingüística e a volver a falar en galego fóra do contexto familiar e máis alá que con amizades próximas, mesmo cando a outra persoa non o fala primeiro. Desde o purismo, non poderíamos considerar o plurilingüismo como algo real, xa que nunca teremos os mesmos coñecementos e destrezas e dúas linguas. Porén, para min o interesante é intentar averiguar como nos afecta a lingua materna (ou o feito de compartir dúas linguas maternas, unha delas, en situación de diglosia) na vida así como para aprender outras linguas.
En canto ás linguas estranxeiras, comecei a aprender inglés na escola e durante secundaria elixín francés como segunda lingua estranxeira, xa que era a única posibilidade que se ofrecía no meu centro. Aínda que non realicei ningunha estancia no estranxeiro específica para aprender linguas, os idiomas interesáronme desde o instituto e agora pregúntome cando comezaron a facelo.
Como docente, pretendo achegar distintas formas de ver o inglés ao alumnado. Paréceme esencial proporcional material que poida gustarlles e servirlles de gancho para que lles apeteza máis (consciente ou inconscientemente) aprender a lingua. Moitas veces o dominio de linguas estranxeiras percíbese como ferramenta (para atopar traballo, por exemplo) pero penso que este tipo de motivación funciona mellor cando se pode pensar nunha utilizade do día a día que teña que ver cos gustos da persoa en cuestión, xa sexa ver TikToks en inglés ou desfrutar de música coreana. Opino que o plurilingüísimo pode resultar de moita utilidade no ensino de idiomas, xa que cantas máis linguas se coñezan, máis posibilidades hai de comparalas e atopar similitudes entre elas. Compartir co alumnado este tipo de cuestións pode abrilles os ollos a outras realidades, e isto resulta moi motivador. Por exemplo, a min o galego resultoume útil para aprender francés e para entender catalán a nivel básico, porque hai vocabulario que está máis próximo entre esas linguas. Ademais, que o alumnado xa sexa plurilingüe volve moi sinxelo demostrar que é perfectamente posible producir e comprender máis dunha lingua.
Como estudante de tradución, a actividade plurilingüe que se me ocorre para a aula é analizar unha tradución ou realizar unha a un nivel básico. Ter que observar un texto en detalle para traducilo axuda a percibir diferenzas e semellanzas entre linguas e culturas. Pola miña parte, recordo facer traducións á vista de pequenos textos na clase de francés no instituto e e desfrutar da actividade.
Comentarios
Publicar un comentario